Estatutos da Asociación de Usuarios de Vehículos de Mobilidade Persoal de Vigo VMP

Capítulo I
Da Asociación en xeral

Artigo 1. Denominación e natureza

Coa denominación de “Asociación de usuarios de vehículos de mobilidade persoal VIGO VMP”, constitúese unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución Española, na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e demais lexislación aplicable.

Artigo 2. Personalidade e capacidade

A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

3. Domicilio

A asociación establece o seu domicilio social na rúa Paulino Freire, nº 16, planta 5E, localidade Vigo, C.P. 36208, concello Vigo, teléfono 665941757, correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., páx. Web www.vigovmp.org

Artigo 4. Ámbito de actuación

O ámbito territorial no que a asociación vai a desenvolver principalmente as súas actividades é: Vigo en particular e provincia de Pontevedra en xeral.

Artigo 5. Duración

A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 6. Fins

1. Son fins principais da asociación:

  1. Defender os dereitos e intereses das persoas usuarias de Vehículos de Mobilidade Persoal (en adiante, VMP) na cidade de Vigo.
  2. Promover as boas prácticas e o uso responsable de VMP na nosa cidade, con especial atención á mocidade.
  3. Axudar, informar e asesorar as persoas que decidan usar este medio de transporte sobre a normativa, os seus dereitos e deberes, e outros ámbitos do seu interese.
  4. Promover a formación, a seguridade, a prevención e o respecto polas persoas, o fomento da cultura e a lingua, así como o fomento dun modelo máis sostible e menos contaminante de mobilidade en todo o concello.
  5. Reivindicar a convivencia respectuosa dos distintos modos de transporte e o reparto xusto e non discriminatorio do espazo público na nosa cidade.
  6. Ser un foro de encontro e reunir a persoas cos mesmos interese e inquedanzas respecto aos VMP e tecnoloxías afíns.
  7. Promover a redución de emisións contaminantes na nosa cidade e rebaixar a cantidade de enerxía neta dedicada ao transporte persoal.
  8. Servir de plataforma de intercambio de ideas e experiencias e ser o punto de encontro das persoas, institucións, empresas, entidades e organizacións en torno á mobilidade persoal.
  9. Colaborar coa administración, organismos públicos e con outros axentes sociais na redacción e actualización de normativas de mobilidade e urbanismo, así como noutros ámbitos relacionados.

2. Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:

  1. Reunións periódicas onde se compartirán experiencias, consellos e axuda, e a realización de rutas e actividades para VMP de ámbito deportivo, cultural, medioambiental, social e benéfico.
  2. Organización de eventos para informar e sensibilizar a cidadanía das características e vantaxes do uso deste tipo de vehículos, cunha sección dedicada á mocidade.
  3. Organización de eventos para informar sobre o uso de VMP en convivencia con outros vehículos e das normativas vixente na cidade, en colaboración coas administracións involucradas (obradoiros, xornadas, cursiños...).
  4. Asesoramento continuado ás persoas socias sobre o uso e mantemento dos vehículos.
  5. Organización de reunións, encontros e xornadas orientadas ao goce, aprendizaxe, reparación, mantemento e coidado dos VMP, con atención especial á mocidade.
  6. Realización de recoñecementos a entidades públicas ou privadas que investiguen, innoven, faciliten ou promocionen a mobilidade persoal sostible.
  7. Reunións periódicas coas entidades responsables de tráfico na cidade de Vigo para manter un diálogo aberto, participar en estudos sobre mobilidade sostible, realizar actividades conxuntas e procurar manter un diálogo construtivo sobre a mobilidade ecolóxica e sostible na cidade olívica.
  8. Desenvolvemento de documentación sobre VMP (códigos de conduta, manuais de boas prácticas, elaboración de certificacións...)

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Capítulo II
Das persoas asociadas

Artigo 7. Requisitos

  1. Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser persoa física ou xurídica e ter interese no desenvolvemento dos fins da asociación.
  2. As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipadas con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito.
  3. As persoas menores de máis de 14 anos non emancipadas necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.
  4. As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional, o acordo do seu órgano reitor.

Artigo 8. Clases de persoas asociadas

Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de persoas asociadas:

  1. Fundadoras, aquelas que subscribiron a acta fundacional.
  2. De número, aquelas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
  3. De honra, aquelas que, polos seus méritos persoais ou profesionais ou por ter contribuído de xeito relevante ao desenvolvemento da asociación, sexan nomeadas pola asemblea xeral.

Artigo 9. Perda da condición de persoa asociada

1. A condición de persoa asociada pérdese:

  1. Por vontade propia, que se fará efectiva mediante presentación de renuncia, por escrito ante a xunta directiva e dirixida á secretaría da asociación. A renuncia terá efectos desde a data da súa presentación.
  2. Por falta de pagamento de 2 cotas, que será efectiva desde a notificación do acordo adoptado pola xunta directiva, á persoa interesada.

A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado no apartado anterior, poderá ser rehabilitada na súa condición de asociada, se no prazo de seis meses desde a notificación aboase as cotas pendentes de pago.

  1. Por incumprimento dos presentes estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.
  2. Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

2.- A expulsión de persoas asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola xunta directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola asemblea xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 10. Dereitos

  1. As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:
    1. Participar nas actividades da asociación
    2. Ser electoras e elixibles para os cargos dos órganos de goberno.
    3. Participar nas asembleas con voz e voto. 
    4. Recibir información da composición dos órganos de representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade. 
    5. Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.
    6. Ser escoitadas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
    7. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.
  2. Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais.
  3. As persoas asociadas de honra non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta; poderán asistir ás asembleas con voz, pero sen voto; e estarán exentas de obrigas.

Artigo 11. Obrigas

Son obrigas das persoas asociadas:

  1. Cumprir os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
  2. Pagar as cotas que de conformidade cos estatutos, se establezan.
  3. Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para as que foron elixidas.
  4. Asistir ás asembleas e demais actos organizados pola asociación.

Capítulo III
Dos órganos da Asociación

Artigo 12. Organización da asociación

O órgano de goberno da asociación é a asemblea xeral e o órgano de representación é a xunta directiva, que adoptarán os seus acordos de conformidade co principio maioritario ou de democracia interna.

Artigo 13. Asemblea xeral

A asemblea xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e está integrada por todas as persoas asociadas.

Artigo 14. Reunións: clases e convocatoria

1. As reunións da asemblea xeral poden ser ordinarias ou extraordinarias.

A reunión ordinaria celebrarase como mínimo unha vez o ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio económico.

As reunións extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, cantas veces o acorde a xunta directiva ou cando o soliciten por escrito o 10% das persoas asociadas.

2. As convocatorias realizaranse por escrito sinalando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da celebración da asemblea en primeira convocatoria debe mediar como mínimo un prazo de quince días naturais.

3. A documentación e información sobre as materias incluídas na orde do día, estará a disposición das persoas asociadas na secretaría da asociación, cunha antelación mínima de quince días naturais á celebración da asemblea.

Artigo 15. Constitución e quórum de convocatoria

As asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, terán que estar presentes as persoas que ostentan a presidencia e a secretaría ou persoas que as substitúan.

A asemblea Xeral poderase convocar, constituír, celebrar as súas sesións e adoptar acordos de forma presencial ou a distancia.

Nas sesións que se celebren a distancia, as persoas participantes poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos, considerándose como tales os telefónicos e audiovisuais, a súa identidade, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Nas reunión a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 16. Facultades da asemblea xeral ordinaria

Serán competencias da asemblea xeral ordinaria:

  1. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
  2. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio, e o plan de actividades.
  3. Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, a proposta da xunta directiva.
  4. Elixir e cesar as persoas integrantes da xunta directiva.
  5. Aprobar a incorporación ou separación a unha federación.
  6. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
  7. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.

Artigo 17. Facultades da asemblea xeral extraordinaria

Serán competencias da asemblea xeral extraordinaria:

  1. Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
  2. Acordar a transformación da asociación.
  3. Acordar a fusión da asociación.
  4. Acordar a disolución da asociación e designar as persoas liquidadoras.
  5. As que sendo competencia da asemblea xeral ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria.
  6. Tódalas non conferidas expresamente á asemblea xeral ordinaria ou a xunta directiva.

Artigo 18. Adopción de acordos

  1. Os acordos da asemblea xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.
  2. Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:
    1. Designación de membros da xunta directiva.
    2. Acordo para constituír federacións e para integrarse ou separarse delas.
    3. Disolución da asociación.
    4. Modificación dos estatutos, incluído o cambio de domicilio social.
    5. Disposición ou alleamento de bens.
    6. Remuneración das persoas que integran os órganos de representación.
  3. Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.

Artigo 19. A xunta directiva: Composición

1. A xunta directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da asemblea xeral.

Estará formada por: Presidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e Vogais, designados pola asemblea xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos.

2. A duración do seu mandato será de 1 ano, podendo ser obxecto de sucesivas reeleccións.

3. Os cargos que compoñen a xunta directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.

4. Os cargos da xunta directiva cesarán na súa función por:

a) Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica

b) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico

c) Resolución xudicial.

d) Renuncia voluntaria.

e) Perda da condición de persoa asociada.

f) Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.

g) Transcurso do período do seu mandato. Neste caso e en tanto non se proceda á elección da nova xunta directiva, aquela continuará en funcións ata a designación das novas persoas titulares.

5. De producirse vacantes na xunta directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polas restantes persoas integrantes, ata a elección definitiva pola asemblea xeral.

Artigo 20. Reunións e acordos

  1. A xunta directiva será convocada pola presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
  2. Para estar validamente constituída deberán estar presentes, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, as persoas titulares da presidencia e a secretaría ou as persoas que as substitúan.
  3. Para que os acordos da xunta directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade da Presidencia.
  4. A xunta directiva poderase convocar, constituír, celebrar as súas sesións e adoptar acordos de forma presencial ou a distancia.

Nas sesións que se celebren a distancia, as persoas titulares da xunta directiva poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos, considerándose como tales os telefónicos e audiovisuais, a súa identidade, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Nas reunión a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 21. Facultades da xunta directiva

A xunta directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Programar e dirixir as actividades asociativas.
  2. Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
  3. Executar os acordos da asemblea.
  4. Someter á aprobación da asemblea xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
  5. Convocar e fixar as datas das asembleas.
  6. Propoñerlle á asemblea xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
  7. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
  8. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á asemblea xeral.
  9. Resolver as solicitudes de ingreso das persoas asociadas.
  10. Propoñer o plan de actividades da asociación á asemblea xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
  11. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

Artigo 22. Obrigas documentais

A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de todas as persoas asociadas:

  1. Unha relación actualizada de persoas asociadas.
  2. Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que resulte de aplicación.
  3. Inventario dos seus bens.
  4. Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.

Artigo 23. Presidente/a

A persoa titular da presidencia terá as seguintes atribucións:

  1. Representar legalmente á asociación perante calquera organismo público ou privado.
  2. Convocar e presidir as sesións que celebre a xunta directiva e a asemblea xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade os casos de empate de votos.
  3. Ordenar a execución dos acordos adoptados pola xunta directiva e a asemblea xeral.
  4. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
  5. Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto coa persoa que ostenta a secretaría ou membro da xunta directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 24. Secretario/a

  1. A persoa titular da secretaría terá as seguintes atribucións:
    1. Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
    2. Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.
    3. Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes
    4. Expedir certificacións dos acordos co visto e prace da presidencia, así como emitir informes.
    5. Redactar o inventario de bens da asociación.
    6. Custodia do arquivo de libros e documentos da asociación.
    7. Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente corresponda.
  2. A persoa titular da secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da xunta directiva designado pola Presidencia.

Artigo 25. Tesoureiro/a

1. A persoa titular da tesourería terá as seguintes atribucións:

  1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación, custodialos e investilos na forma acordada pola xunta directiva e a asemblea xeral.
  2. Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia.
  3. Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a presidencia.
  4. Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación.
  5. Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola asemblea.
  6. Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da asociación.

Artigo 26 Vogais

Terán as obrigas propias do seu cargo, e aqueloutras que lles sexan encomendadas, tales como realizar programas e estudos con carácter xeral ou en áreas de actuación determinadas.

Artigo 27. As seccións

  1. Mediante acordo da asemblea xeral, a asociación poderá constituír seccións dedicadas a materias ou actividades específicas comprendidas nos fins da asociación, tales como: deportivas, recreativas, culturais, asistenciais ou xuvenís, coa fin de establecer grupos especializados nas distintas actividades da asociación.
  2. As persoas asociadas interesadas presentarán á asemblea xeral da Asociación para a súa aprobación unha solicitude da súa constitución, xunto cunha lista dos membros interesados en formar parte dela.
  3. A sección, como tal, carece de personalidade xurídica.

Artigo 28. Sección Xuvenil

Constitúese unha sección xuvenil, á que se incorporarán asociados e asociadas que cumpran os requisitos establecidos na Lei orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor e do Real decreto 397/1988, de 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.

Para formar parte da sección xuvenil é necesario ter 14 anos cumpridos e 30 sen cumprir.

Capítulo IV
Réxime económico

Artigo 29. Patrimonio inicial

A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 200 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural, e terá lugar o día 31 de decembro de cada ano.

Artigo 30. Recursos económicos

A asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas periódicas das persoas asociadas.
  2. As cotas extraordinarias que propoña a xunta directiva e sexan aprobadas pola asemblea xeral.
  3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
  5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 31. Contas anuais

  1. Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a súa aprobación en asemblea.
  2. A Xunta directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.

Artigo 32. Destino de ingresos a fins da asociación

Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación. En ningún caso, estes beneficios poderán ser repartidos entre as persoas asociadas ou calquera outra persoa física ou xurídica con interese lucrativo.

Capítulo V
Do regulamento de réxime interno

Artigo 33. Regulamento de réxime interno

Por acordo da asemblea xeral pode aprobarse un regulamento de réxime interno, que desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos.

O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

Capítulo VI
Disolución e liquidación da Asociación

Artigo 34. Disolución

A asociación disolverase polas seguintes causas:

  1. Por acordo adoptado por maioría cualificada en asemblea xeral extraordinaria.
  2. Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
  3. Por sentenza xudicial firme.
  4. Polas demais causas que se determinen nos presentes estatutos.

Artigo 35. Liquidación

  1. Acordada a disolución da asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
  2. As persoas membros da xunta directiva no momento da disolución convértense en liquidadoras, salvo designación expresa de liquidadoras pola asemblea xeral ou por autoridade competente.
  3. Corresponde as persoas liquidadoras:
    1. Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
    2. Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
    3. Cobrar os créditos da Asociación.
    4. Liquidar o patrimonio e pagar as persoas acredoras.
    5. Destinar o haber resultante da liquidación aos fins previstos no acordo de disolución ou nos estatutos, que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa.
    6. Solicitar a baixa da asociación e cancelación de asentos rexistrais.
  4. Á solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións complementarias.

En Vigo, a 16 de xaneiro de 2022